Casulo, crisálide
Na casa dos meus pais, no cuarto que malia a nosa ausencia aínda é chamado con referencia aos posuidores, o meu e de meu irmán, hai un armario con seis caixóns de madeira. Ábroos, ás veces, cando estou en Galicia, na procura dunha peza de roupa que preciso nese momento, case sempre con urxencia. E cando abro un deles, para comprobar que quizais está o que busco, planto un aceno de felicidade na miña cara, deteño a prema do inmediato e véxome na obriga de ter que abrir por completo o caixón para admirar os elementos que dentro se apertan os uns contra dos outros e que conforman o tesouro no interior daquel moble. Son as miñas camisetas de rugbi. As camisetas que perduraron e coas que xoguei e adestrei durante tantos anos.
É difícil explicar o feixe de sensacións que me ocupan o peito ao contemplalas, dobradas sobre as miñas mans. A todas fáltalles a breve serie de botóns que os fabricantes aínda teiman en colocar na apertura do pescozo e que na meirande parte das ocasións caen ao chan durante a súa estrea, liberadas dun golpe de tensión do lugar en que os mantiñan cinguidos á camiseta uns fíos sempre demasiado febles para soportar unha placaxe, unha aberta ou mesmo o entusiasmo das mans do compañeiro nesa piña física de adrenalina en que o equipo se xunta e se conxura antes de comezar o xogo.
Pero non todas pesan o mesmo, todas posúen unha textura diferente, todas elas sufriron distintas feridas porque eu era, dentro delas, outra persoa, eu era daquela un paradoxo, un vector coas coordenadas completamente revolucionadas. Elas son a proba física dun lugar común que calquera xogador de rugbi relatará coa mesma gratitude, paixón e convicción: aquelas camisetas son a testemuña do cambio, estaban alí durante o proceso de forxa, son os restos do casulo, aquilo que quedou tras o cambio de estrutura, tras a metamorfose.
E agora, que pasaron máis de vinte anos dende que puxen a primeira, o sentimento que máis me abrangue é o da conciencia do paso do tempo e a fraxilidade da nosa materia. Sobre todo cando collo coas mans, completamente estendida, a camiseta do Mareantes co número 9 e quedo abraiado da cantidade de paixón coa que tiña que completar o meu pequeno corpo para encher aquela peza de roupa. Entón sinto unha forte mestura de fachenda e satisfacción, o impulso de volver, de volver a todo ao que renunciei ao iniciar a viaxe e lembro aqueles días de mocidade en que as miñas feituras eran outras e a miña mente comezaba a aprender, grazas ao rugbi, que non debía querer ser coma ninguén, que tiña que aprender a expresarme.














