Alfred Brendel: Schubert. O soño, a noite, o abismo.
"Fremd bin ich eingezogen, fremd zieh' ich wieder aus." (Wilhelm Müller, Winterreise)
Alfred Brendel, o xenial e inesquecíbel pianista, teórico musical e escritor - representante tardío dunha sorte de cosmopolitismo humanista austrohúngaro -, a quen despedimos o pasado ano, foi, ademais de gran intérprete da obra de Franz Schubert, un dos seus maiores defensores.
Brendel achaba que Schubert fora, con frecuencia, incomprendido e, de xeito erróneo, comparado con Beethoven. Segundo el, nas sonatas de Beethoven nunca perdemos a orientación, sempre sabemos onde estamos; pola contra, Schubert situános nun estado semellante á ensoñación. Así, Beethoven compón como se se tratar dun arquitecto que vai construíndo a súa obra cara a un clímax colosal, mentres que Schubert o fai como unha especie de somnámbulo... Como un camiñante extraviado, porque tal vez Schubert sexa precisamente iso, o epitome perfecto do “camiñante” (Wanderer) na Música.
Alfred Brendel (Loučná nad Desnou, 1931 - Londres, 2025)
Nese sentido, afirmaba Brendel: “A música de Beethoven camiña dinamicamente cara adiante, permítenos experimentar un proceso, mentres que a de Schubert a miúdo actúa sobre nós como un estado, unha situación, como unha serie de episodios que se comunican entre si de xeito misterioso" (1). Ou aínda: "Na música de Beethoven non estamos nunca perdidos; sempre sabemos de onde vimos e cara onde imos. En Schubert, no entanto, somos camiñantes. O pracer de Schubert non é o de chegar, senón o de estar no camiño. As súas sonatas son paisaxes que se atravesan, non estruturas que se conquistan." (2)
É inevitábel percibir a ligazón entre Beethoven e Schubert, o maxisterio do primeiro sobre o segundo. Schubert sentía verdadeira idolatría por Beethoven, mais era abondo consciente da grandeza do mestre alemán como para tentar sequera desafialo cunhas armas que non lle pertencían a el. Non, a música de Schubert ten un Dasein particular, se cadra menor en relación ao legado de Beethoven, mais non por iso en absoluto desprezábel. Así, por exemplo, poderíase dicir que as sonatas de Schubert “acontecen” no mundo de maneira enigmática, vulnerábel, como tecéndose cunha materia de rara intimidade.
Na súa aparente inxenuidade ou simplicidade hai algo que chega ao cerne de nós mesmos, da nosa memoria, da nosa saudade. Mais, por trás desa tona discreta que, decote, cobre as composicións de Schubert, arde unha existencia moi rica e abastada. Non por acaso foi que Robert Schumann se referiu ás derradeiras sonatas de Schubert desta forma: “Como se non puidese haber un final, sempre cargado dunha arela polo momento seguinte (…) estas obras envólvennos nunha calidez que nos fai esquecer o mundo…”
Lentes de Franz Schubert (Viena, 1797-1828)
Tamén a noción do tempo nas obras do compositor vienés mereceu a atención de Alfred Brendel, porque para el a lonxitude de Schubert non é a de alguén que non sabe cando rematar, senón a de alguén que quere esgotar a beleza dun instante. Schubert pídenos unha noción do tempo diferente: non a dun tempo lineal e produtivo, senón a dun tempo circular e contemplativo. Poderíase dicir que a súa música non progresa, senón que sucede. Pola contra, en Beethoven o tempo está concibido como vontade e fatum, como proceso certo do “chegar a ser”. O tempo é un material axeitado de forma incansábel para atinxir un fin determinado.
Finalmente, Brendel establece tamén unha dicotomía moi suxerente entre a noción de “soño ou noite”, representada por Schubert, e mais a de “realidade ou día”, representada por Beethoven:
"Se Beethoven é o mundo do día, da vontade e do intelecto, Schubert é o mundo da noite, do soño e do somnambulismo. Beethoven compón como un home que fala con Deus ou coa posteridade; Schubert compón como alguén que se murmura a si mesmo nunha habitación escura." (3)
O mundo de Beethoven é o territorio dunha determinación teimuda, dunha vitoria do diáfano; o mundo de Schubert é, sen embargo, ese vieiro cobregueante que atravesa un bosque baixo o luar e as sombras azuis do inverno. Brendel refírese a que, tras a a dozura das melodías de Schubert, sempre hai unha sorte de abismo, unha fondura que nos conduce a espazos da alma que, tal vez, nin sequera percorréramos antes.
Se cadra, onde iso pode ser especialmente percibido é nunha das composicións máis célebres de Franz Schubert, no fermosísimo e conmovedor Andantino da Sonata para piano en la maior D. 959, unha das últimas grandes obras do compositor, escrita no derradeiro treito da súa vida, cando estaba xa moi doente. Brendel dirá del: “No Andantino, Schubert comportáse como un somnámbulo que atravesa unha paisaxe de pesadelo.” (4)
..............................................................................................................................
Nota: Os fragmentos citados de Brendel pertencen todos eles á súa obra Schubert's Piano Sonatas 1822-1828, publicado por vez primeira en 1974.












