E se facemos un pequeno gifatón coruño?
Partindo destas dúas premisas:
- A penas hai GIFs nas principais plataformas deste formato (Giphy, Tenor) sobre Coruña ou coa etiqueta Coruña, que non teñan que ver co fútbol e o Deportivo.
- Temos proxectos de fanzine transmedia, case todos relacionados coa cidade da Coruña, que temos que encher de contidos feitos cos formatos populares de internet que vimos nas distintas sesións. Por que non empezamos con GIFs?
Un bo exercicio para empezar a materializar graficamente os nosos proxectos pode ser fabricar GIFs sobre a nosa cidade. Podémolo facer na casa ou na próxima sesión do 1 de marzo no Ágora.
Facer un GIF é moi doado, partindo mesmo da ferramenta online que ofrece Giphy. Se buscades materia prima (imaxes), unha boa opción poder ser ir á páxina de Coruña Dixital en Archive.org, onde hai varios materiais de arquivo da cidade dos que o ano pasado recompilamos e dixitalizamos dentro do LAIC. Aquí tedes un pequeno artigo sobre o que fixemos: A Coruña Rebelde: experimentamos coa memoria histórica da cidade.
Un posible exemplo de GIF para arrincar, é esta versión glitcheada dun gif da curtametraxe “Coruña Imposible” (Paco Rañal, 1995), co título dun dos fanzines que están en marcha neste taller: BARULLO.
Animádevos a facer os vosos GIFs!