A confianza na lei e na autoridade
O rapaz non quixo presentarse porque tiña medo, pero seu pai lle aconsellou que o fixese.
- Non temo por ti, díxolle o pai. O tenente Santos que veu buscarte, faloume moi amablemente e prometeume que non che ocorrería nada en absoluto. Díxome que podes estar traquilo. Non teñas medo. É un home serio, un oficial!... e non se engana así a un pai!
O mozo, teimudo, seguía negándose a se presentar na caserna dos gardas de asalto. Sabía que os falanxistas non lle perdoarían as súas ideas de esquerda.
Foi a este mozo Domínguez a quen vin caer ferido por unha bala, na Porta do Sol [Vigo], no momento no que o capitán Carreró ordeaba ametrallar á multitude que prostestaba contra o golpe de man dos militares. Gravemente ferido, permanecera oculto varios meses.
Unha vez curado, regresou a casa de seu pai, onde continuaba agochándose, sen xamais saír da casa. Alguén o denunciara e esta era a razón da visita do tenente Santos.
O pai, convencido de que, ao ter transcorrido tanto tempo dende os acontecementos acontecidos no mes de xullo, o seu fillo estaba a salvo de todo perigo, conseguiu convencer ao rapaz; e como o rapaz non tiña présa en ir, acompañouno.
- O tenente Santos aseguroume, insistía de novo xa polo camiño, que só quere recolle-la túa declaración.
Pai e fillo chegan á garda de asalto.
- O seu fillo permanecerá aquí. Vostede pode marchar, dixo o tenente, sen dar máis explicacións.
- Pero...
- É unha orde de arriba. Marche.
O pai foise, estupefacto. Fixera ben levándolles ao seu fillo? Seguía a crelo, a pesar de todo, a pesar do feito de que o seu fillo quedara en prisión, fora xulgado e condenado a calquera pena.
Este pai era un home de orde que cría que o seu deber era ter confianza nas autoridades.
Non se decatou do seu erro ata o día no que soubo que o seu fillo fora asasinado e que o corpo fora atopado no cemiterio. Alá foi. Mirouno sen comprender.
Os ollos do seu fillo foran atravesados por balas de revólver. Era a sinatura dos asasinatos cometidos polo tenente Santos.
Galicia bajo la bota de Franco. Edición clandestina de 1938, editora Alvarellos.











