RECONSTRUÍNDO A EVA. Por Ana Abad de Larriva
Todo sobre Eva, do Colectivo Gravidade 0.0, foi a peza que clausurou a sétima edición do festival Vigo en Bruto, no teatro Ensalle, en Vigo, a fin de semana do 30 de xuño e 1 e 2 de xullo de 2017. O texto, de Xandra Táboas, foi Premio (ex aequo) Abrente de Textos Teatrais 2016, e a montaxe, dirixida por Diana Mera, con Andrea Dunia Díaz, Lucía Hernández e Paula Pier, presentouse tamén na MIT de Ribadavia o 20 de xullo de 2017, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura.
Trátase dunha proposta interesante por diversas cuestións: pola necesidade de traballos que afonden en temas políticos e sociais de grande importancia, como é o dos estereotipos e a violencia de xénero, e polo xeito en que o traballo é quen de crear algunhas imaxes e efectos potentes no público que abren á reflexión, en cuestións moi claras e tamén en aspectos máis sutís que se coan no cotián en todo tipo de patróns de comportamento.
Empeza na escuridade, con varias voces emitindo sons que, por intres, fan vibrar os ouvidos e o peito, polo menos, dos que estamos en primeira fila. Destaca o efecto desa escuridade, de non saber de onde proceden realmente todas as voces e de albiscar unha figura parda que apenas se distingue no medio do escenario. Preséntase outra secuencia que funciona por repetición con variación na emisión do texto que fala da orixe bíblica do mundo -“A terra era caos e confusión e escuridade por riba do abismo (…) e Deus dixo: fágase a luz”. É moi interesante como a presentación desa primeira parte da creación bíblica, sen recrearse en nada máis, xa fai conectar ao espectador co título da peza e coas referencias a Eva, e como, na tradición xudeocristiá, na creación, aparece a muller subordinada ao home, nacida da costela deste e causante do pecado orixinal, ao comer do froito prohibido e ofrecerlle a Adán que tamén comese.
En palabras de Gravidade 0.0 sobre a peza, Todo sobre Eva “enmárcase dentro dunha poética feminista que procura o seu centro e orixe na tradición xudeu-cristiá, relacionando pasado, presente e futuro no seu devir xeracional a través do intercambio duns esquemas de valores e patróns de comportamento cultural que están na base da visión estereotipada de xénero, da cal deriva toda unha serie de consecuencias a nivel psico-social, político, económico e educativo-cultural propias dun sistema de base patriarcal que sitúa a muller nunha posición de desigualdade fronte ao seu homólogo masculino”. É así que o resto da proposta amosa diferentes circunstancias nas que, dun xeito máis ou menos aberto, máis ou menos simbólico, a muller ten sido e está a ser sometida mediante a imposición de estereotipos de xénero ou a violencia.
Amósanse diferentes situacións que, historicamente, impuxeron á muller unha serie de estereotipos de aparencia e de comportamento e que, agochadas ou maquilladas dalgún ou doutro xeito, aínda impregnan o cotián: a muller que ten que lucir ergueita e grácil, obrigada a camiñar cun libro na cabeza; a muller que queda na casa aleitando os fillos, que se ve claramente cando Paula simula dar de mamar a un boneco mentres le un libro que lle di como ser a perfecta esposa; a muller retratada nas películas de xeito lánguido; a que precisa da axuda do home para que lle consiga as cousas, ou que a salve; a que é deixada polo home; a que ninguén saca bailar; a que xoga con bonecas e imaxina e simula romances; a que agarda polo amante; a que agarda polo home; a que lava a roupa; a que limpa; a que é menosprezada no traballo; á que lle din piropos obscenos e ten que calar; a que é golpeada; a que é asasinada.
Empréganse numerosas ferramentas para amosar e poñer en cuestión todas estas situacións:o simulacro e a parodia, que provocan unha comicidade crítica, nas que o riso queda atragoado no medio da gorxa, porque non fai graza ou porque é condenable aquilo do que se está a rir, como no set de rodaxe, na secuencia dos piropos; a manipulación entre elas, cando se preparan e cando se ensinan os modais, a manipulación das bonecas; o emprego diferente dos obxectos, como cando Paula colle os zapatos coa boca e os limpa co fular, ou cando fan percusión cos membros dunha boneca; a diverxencia das accións para crear un todo, como no set de rodaxe, ou na escena do cabalo; o canto en directo e tamén a reprodución de cancións máis ou menos coñecidas que van dende amosar a unha muller paciente que agarda polo amante, a unha muller nunha relación que chega a ser enfermiza, cando Dunia canta e leva ao máximo de intensidade a canción Como yo te amo; e a unha canción del Payo Juan Manuel, Niña, no te modernices, que fai apoloxía aberta do machismo e da violencia machista.
Destaca tamén o deseño do espazo, a cargo de José Faro, Coti; e a construción e deconstrución deste que se produce ao longo da peza. Este non é concreto, e por momentos vai acollendo o set de rodaxe, a cociña, a pista de baile… As bonecas son manipuladas e empregadas para realizar diferentes accións, a artesa/mesa/logo lavadoiro de madeira tamén ten diferentes usos…Os paneis do chan conseguen recrear as baldosas dunha cociña antiga, e as lámpadas matamoscas, tipo “portas galácticas”, lembráronme a eses tempos de espera na aldea, no verán, despois de recoller a cociña, a apartar as moscas -no meu caso, coa man e sen matalas. Imaxinei as miñas devanceiras, pechadas na cociña, traballando, agardando a que a vida fose decorrendo. En Todo sobre Eva, convértese ese espazo case como un cárcere en cuxo chan Paula grava co coitelo un monicreque –no pase na MIT non se vía tanto o chan pola disposición da sala-, e logo risca nel de xeito enérxico, con furia. Destaca o efecto que a acción ten no público, xa que semella que como se lle vaia un pouco o coitelo das mans alguén do público vai rematar con el cravado en algures. O coitelo non voa mais o que si impacta no público de xeito intencionado é a metade das peladuras dun pomelo. A outra metade emprégase para crear unha imaxe provocadora na que Dunia espreme o pomelo situado á altura da entreperna de Paula –lucindo un veo e subida á artesa cuberta por un mantel branco, que remite a un altar- mentres se escoita o líquido da froita ao zumegar e se ve como este cae sobre Lucía, que está deitada debaixo dela; levando Lucía e Dunia na presentación da MIT vestidos de Primeira Comuñón suxeitos con arneses. Paula tamén esparexera na cara o po do chan, evocando a voaxa branca para maquillar a cara e a pel pálida que durante séculos constituíu o canon de beleza feminino occidental, e comera parte do pomelo. A casa como cárcere tamén se percibe cara ao comezo da peza cando Dunia e Paula están vestidas de loito e visten e manipulan a Lucía para que se comporte, e a secuencia evoca á Casa de Bernarda Alba. A disposición no espazo e as traxectorias que debuxan as actrices crean composicións moi interesantes.
É moi interesante tamén a inclusión de certos elementos postespectaculares, como o corpo estraño oculto baixo un abrigo que camiña coas mans, ou o corpo híbrido formado entre Lucía e Paula, co globo que estoupa no ventre, que inquieta; e a impresión que produce que cubran os ollos con parches. A peza tamén conta, ao comezo, cunha ladaíña que na presentación do venres 30 e do domingo 2 no Ensalle non se puido escoitar, mais que si estaba na presentación na MIT.
Mais, sobre todo, impacta a secuencia na que, en diverxencia, Lucía e Dunia, vestidas con batas brancas, len cifras de idades e lugares, e Paula amosa e manipula diferentes obxectos. A acumulación dos datos xunto co son da tixola ao bater e os xestos de Paula coa prancha, o soprete, a acción da bolsa na cabeza… xeran un desacougo moi forte, así como o dato final “9 meses”, lembrando que os asasinatos da violencia de xénero non só afectan ás mulleres senón tamén aos seus fillos. Hai outra secuencia na que as bonecas son arrastradas polo pescozo cun cordel mentres se escoita o bater do coitelo de Paula contra o chan.
En Todo sobre Eva predomina un ton ritual e destaca a fisicidade e a enerxía das actrices para procurar dotar de dinamismo tanto as secuencias como as transicións entre elas. O ton da peza crítico, pero con capacidade de conectar cun público amplo, contrasta, porén, co do programa de man, que se pecha e pode resultar até ofensivo a algúns espectadores e espectadoras, xa que, cun deseño ao modo dun recordatorio de Primeira Comuñón, no texto equipara a esta cunha primeira violación. Na proposta hai outros elementos que remiten á Primeira Comuñón: o vestido das bonecas e os que visten Dunia e Lucía na secuencia do altar.
De calquera xeito, trátase dunha peza que trata cuestións necesarias, porque moitas veces se lle quita importancia e até se ridiculiza ou critica a quen condena determinados patróns de comportamento machistas, certos estereotipos que seguen vixentes, certas actitudes que se coan, quizais non de xeito tan aberto como hai un par de décadas, mais que seguen a estar presentes na música, nas conversas e nos feitos do cotián. E, sobre todo, porque, ademais de todos eses patróns, imposicións de estereotipos e violencia agochada que seguen a oprimir as mulleres dun xeito crónico, as mortes por violencia de xénero seguen a aumentar. É hora de deixar de estigmatizar a Eva; hai que reconstruír a Eva. As tres actrices na peza chámanse entre elas Eva. Mais non só elas son Eva. Á fin e ao cabo, todas somos Eva.
Recoñézome, recoñézote. O que fun, o que son. O que non tiña de ser e foi. O que non foi e puido ser e podería ser que fose. Podería ser que as agullas do reloxo retrocedesen o seu paso cara atrás; que tornasen os soños, os anhelos, as esperanzas, as ilusións perdidas menosprezadas esquecidas roubadas defraudadas frustradas.. e volver reconstruír, reconstruírme, reconstruírte. Podería ser, ti eu, mesma danza no vértice do abismo, remuíño de corpos a esvarar no ar. Abaixo arriba, o desequilibrio a manternos firmes.
Todas Somos Eva.(Da peza Todo sobre Eva).
Ficha artística
Texto: Xandra Táboas (Todo Sobre Eva, 11º Premio (ex aequo) Abrente de Textos Teatrais). Dirección: Diana Mera. Asistencia Creativa: LailarinaKenoesbailarina. Interpretación: Andrea Dunia Díaz, Lucía Hernández e Paula Pier. Espazo: José Faro, Coti. Iluminación e son: Xandra Táboas. Vestiario: Carlos Pinilla. Fotografía: Raquel Brandian.
Deseño gráfico: Bibiana Hermida. Produción: Gravidade 0.0, ESAD de Galicia.
Data e lugar de presentación: domingo 2 de xullo de 2017, ás 21.00 horas, no Teatro Ensalle, en Vigo; e 20 de xullo de 2017, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Ribadavia.
*Ana Abad de Larriva estudou xornalismo. Actualmente é alumna da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
**As fotografías son da MIT de Ribadavia.
Supervisión e coordinación: Afonso Becerra de Becerreá.















