CONVERSA CON… DAVIDE GONZÁLEZ, a raíz de MICROSPECTIVAS DUN MARICA MILLENNIAL. Por Iván Fernández
A proposta de conversar con Davide González (Mos, 1991) xorde logo de ver as Microspectivas dun marica millennial coa que Incendiaria prendeulle lume a unhas das xornadas de despedida da sala Ingrávida no Porriño. Fascinado pola súa fera honestidade e a luz da purpurina, precisaba saber máis da orixe do primeiro espectáculo galego coa palabra maricano seu título e do home que a (re)presenta.
Como foi o teu primeiro contacto co teatro? Comecei no 2010. Eu estudara música no Conservatorio e, no bacharelato, un profesor de latín díxonos a unha compañeira e a min (que sempre saíamos voluntarios onde había oportunidade de facer algo creativo) que abrira a ESAD e que fixéramos as probas e alí fomos, fixémolas e chuculú! entramos. Así que o meu primeiro contacto con teatro foi na Escola e foi unha marabilla. Eu estaba acostumado a tocar o saxo, nunha orquestra, e estaba acostumado ao espectáculo… pero dependía dun instrumento. Entón, decatarme de que o meu propio instrumento é o meu corpo, foi unha marabilla. E cando descubriches iso? Pois no primeiro ano xa, con movemento expresivo, expresións corporais… despois, con clases de voz, descubrir que hai mogollón de posibilidades que non sabías que estaban aí, e crer no que de repente vas atopando. Vaste dando conta de que tes un instrumento marabilloso, que é o teu propio corpo. É este descubrimento o que máis te levas da túa estadía na Escola, ou hai algo máis? Da Escola lévome… Pois mira, lévome o ter coñecido a Vanesa (Sotelo). Diso temos que falar! Como a coñeciches? Eu chameina para o proxecto final de estudos. Eu traballaba con Bea Campos contando contos, e ela traballara no proxecto final de carreira de Vanesa, que se chamaba Kamouraska, e esa foi a primeira peza que eu vin cando entrei na Escola. Entón, cando chegamos a cuarto curso, buscando textos, apareceu o texto de Vanesa, Memoria do incendio (XIII Premio Josep Robrenyo de textos teatrais) e eu pedinlle a Bea se me podía pasar o teléfono de Vanesa, e chameina. Quedaras impresionado polo traballo. Si, a min o de Kamouraskagustárame mogollón. E fixemos a montaxe de Memoria do incendio, con ela como directora. Pero o máis bonito foi o grupo que se formou aí. Ese grupo era xa Incendiaria? Non, pero de aí nace. Por que, Incendiaria? Que é o que está ardendo? Penso que estamos un pouco buscando incendiar coas propostas, que poidan remover, incendiar ao espectador ou espectadora que as ve e espertar algo neles. Claro, mirando cara ao espectáculo de Microspectivas…, dende logo aí hai lume. Hai algo que arde no escenario, cando menos moitos clixés. De onde parte esta peza para ti?Parten da memoria e da infancia… Non te me poñas serio…Non, non, o certo é que parten de aí. Eu tiven unha relación con dúas persoas, que se chaman Martín e Luís. Un día empezamos a falar da infancia e de como había fotografías nosas con posturas, maneiras de estar e de habitar o mundo, que de repente eramos conscientes de que as reprimiramos ao longo dos anos… por supervivencia. A raíz de aí eu empecei a ter máis contactos coa teoría queer, co movemento LGTBI… con ser consciente de quen son eu, como habito o mundo e a que lugar pertenzo, no sentido de coñecer a historia do meu colectivo. Foi unha procura de referentes, de decatarme de que non se ensina nada disto nas escolas… De decatarme de que a min me faltan referentes do meu propio colectivo. Dende aí, tirar de e asumir a memoria, de cando eu era pequeno, de que pasaba, de cal foi o meu contexto, das situacións que eu tiven que cambiar ou modificar para encaixar ou para evitar ser ridiculizada. O que queriamos era poñelos enriba da mesa e pensar que hai que facer algo con iso. Nesa procura, que referentes atopaches, significativos para ti? Se non me equivoco, un dos primeiros foi Roberta Marrero, co seu libro We Can Be Heroes, no que precisamente ela fala da súa infancia e fai retratos dos seus referentes. Despois, Paco Vidarte, con Ética marica, no que falaba de que quería que ese libro fose coma un interruptor. Logo, Sylvia (Rivera), Marsha (P. Johnson), descubrir quen eran. Todo o mundo do vogueing, a subcultura norteamericana doball roome das familias… Sobre todo porque levaba tempo dándolle voltas ao tema da maternidade. Da maternidade. Si. Despois de facer a Memoria do incendiocon Vanesa no 2014, quixemos seguir mantendo un grupo de traballo. Claro, porque definides a Incendiaria como unha “plataforma artística”, que é isto? Si, unha plataforma na que as persoas que formamos parte daquel primeiro proxecto, puideran ter cabida para presentar proxectos propios. Por iso pensamos en plataforma, aínda que agora non sei se segue sendo plataforma ou máis compañía. Xa, iso tamén evoluciona. Si. Entón, quixemos seguir mantendo o contacto, e facer un laboratorio. Estivemos un ano investigando maneiras de abordar o personaxe dende o corpo, a voz… investigando sobre as accións, a duración das accións, o seu significado en escena… e fixemos unha proposta, que se chamaba Contramateria, centrado no traballo dos tempos e das accións. Que presentamos alí, en petitcomité. Que interesante. Parece que, a parte das escolas, non hai espazos onde poder facer este tipo de investigacións. Si. E nese laboratorio, eu comecei a desenvolver unha fixación coa maternidade. Coincidiu cun momento no que saíra unha nova no que un home transexual quedara embarazado. Despois topei co cabaliño de mar, no que é o macho o que dá a luz. Tamén a figura de Lilith, como a “primeira muller”. Ou as familias dos ball rooms, nas que calquera pode ser “nai”. E esas cousas, aparecen un pouquiño, de novo, nas Microspectivas. E no local? Atopaches referentes máis cercanos? Non, o certo é que non. Si que había xente que eu podía considerar, entón, como referentes. No mundo da verbena? Si. Homes, que subían ao escenario vestidos de mulleres. Pero era para facer rir. Dende o meu punto de vista de agora, non os podo considerar como referentes. Sen embargo, nas Microspectivas… hai moita verbena. Igual non impregna a súa filosofía, pero si outros aspectos. Si, claro. É que eu comecei na verbena aos 14 anos, foi moito tempo. Xusto a deixei cando comecei na Escola. É curioso. Eu saio das Microspectivas… cunha sensación de liberdade. É como volver a saír do armario, dalgunha maneira. Unha sensación de reconciliación con vivencias… obviamente alleas, porque son túas, pero que dalgún xeito as facedes comúns, para todo o público. Eu tamén, cando remato a función, sinto que estou nun lugar que me encanta. Cando comezamos o proceso, Vanesa e máis eu falabamos moito, de moitas cousas, de cómo poder trasladar todo isto que pasaba por aquí (tócase no peito) e que non fose fachenda. Ter esas conversas axudou a que os puntos propios puideran ser tamén comúns. Eu penso, poñendo algo meu, que ten que ver coa dignidade coa que falades das cousas. Ti falas da túa verdade e falo dun xeito digno, respectado polo resto do equipo. E iso é unha liberación para ti, que se comunica como unha liberación para nós (xs espectadorxs). Si que é certo que ao longo deste ano, e ao longo do proceso de creación, ao ser consciente de moitas cousas, de súpeto comecei a estar máis seguro de min mesmo: de como estou, de como habito, de como son, de como fago. Canto tempo foi esa elaboración? Pois mira, comezamos o ano pasado, nas Residencias Paraíso. O que non sei se te decatas é de que agora es ti o referente. Ah, non creo! Historicamente é o primeiro espectáculo galego que pon a palabra “marica” no seu título. É verdade. Como sería levar esta peza polos colexios, insitutos…? Pois, é unha cousa que nos interesa. De feito, para o día da estrea tiñamos pensado convidar a xente que está na rede de ensino LGTBI, para coñecer o seu punto de vista e saber se sería interesante para levar a colexios. E entón, que acontece agora que ti es referente? Pois se a alguén lle axuda e a alguén lle sirve, marabilloso, porque eu non o tiven. Sería sentirme un pouco “mamá”. Sería bonito. Si. É así, un decide poñer un título, e marca historia. Non o pensara. Cando llo presentei a Vanesa, tiña “retropectivas”, e foi Vanesa a que falou de “microspectivas”, por falar do “micro”. E despois o de “marica” porque a palabra estaba aí, collendo sentido. Descubrín que foi un empoderamento, cando fas propio o que ata entón era un insulto. E “millennial” porque o son. Haha. Que che dá o teatro? Co teatro eu descubrín cal é o meu interese, en que me quero centrar. A concepción da arte do teatro tal e como estamos facendo Vanesa e máis eu. Como habitar a escena dende unha mesma, e como falar dende unha mesma. É onde teño o meu punto, agora mesmo. É algo que me levo, tamén da Escola, grazas ás clases de corpo con Alicia Corral, que nos dicía que quería facer actrices e actores creadores. E eu quedei con iso.
O certo é que a conversa deu para moito máis: para falar de música e a súa faceta de compositor, de outros espectáculos, de proxectos futuros, da súa chegada ao eido profesional e os primeiros pasos, da familia e da importancia de mostrarse tal e como un é… Mais se cadra, iso quedará para outra Conversa con…
Fotos de Laura Iturralde.
(Coordinación do blog O GALIÑEIRO: Afonso Becerra de Becerreá)












