KARELU, AS MARCAS DA VIOLENCIA DO PATRIARCADO. Por Afonso Becerra de Becerreá
A vida que levamos, ou a que nos deixan levar, vén a ser como un vestido que vai configurando a nosa aparencia. De fóra para adentro, esa aparencia, a base de repetila e de tempo, acaba por formar parte da nosa personalidade. Velaí, por exemplo, como os oficios e os traballos acábanse imprimindo na nosa personalidade, no noso carácter.
A roupa podémola quitar e podémola cambiar, ou mesmo podemos espirnos. Metaforicamente os palcos teatrais sempre acaban por espir(nos), por retirar os veos, por desvelar(nos).
Ademais diso, a roupa, cando é moi axustada e nos cingue, deixa unhas marcas na pel. A roupa interior sempre deixa algún sinal. Esas marcas, polo visto, chámanse “karelu”, e este é o título metafórico que Ismael G. Candal e Gustavo del Río escolleron para a súa peza dramática, a última produción da compañía galega Os Náufragos Teatro (A Coruña), que dirixe Gustavo del Río.
A primeira fin de semana de outubro de 2019 estiveron na Sala Ártika de Vigo e alí foi onde puiden ver o espectáculo, o domingo 6.
Karelu é un drama sobre as marcas da violencia e a paternidade. O pai que nos debería arroupar e que, neste caso, deixa unhas pegadas violentas.
Porén trátase dunha peza que non se regodea na escuridade do cruel, nin no morbo, nin na amarga inquina. Ábrese, no entanto, a unha análise tenra da violencia do pai, sen maior resolución que a representación das secuelas e a busca dunha especie de reconciliación.
A través das confesións, os recordos compartidos e os flashbacks, vamos reconstruindo unha historia familiar. No fondo, esta historia, non é máis ca unha excusa para a cerimonia de expiación da culpa e dos remorsos dun pai novo, que non quere perpetuar co seu fillo a violencia que el mesmo e seu finado irmán sufriron, no pasado, por parte do pai.
O fillo chámase Dani, o irmán chamábase Daniel. A hipotética homosexualidade de ambos ou, aínda máis importante ca iso, a súa non adaptación ao modelo condutual do rol das masculinidades hexemónicas, da virilidade, supón unha das causas encobertas desa violencia.
O patriarca defunto mallaba máis en Daniel ca en Martín, sobre todo cando nos xogos infantís Daniel era quen se disfrazaba das heroínas e Martín dos heroes que admiraban, ou porque a Daniel non se lle daba ben o futbol e lle gostaba máis ler.
A malleira que Martín lle deu ao seu fillo Dani esperta os recordos daquela violencia do patriarca e Martín debátese nos remorsos e na culpa. Vai ser o espectro do irmán morto, non sabemos se suicidado, quen actúe como catalizador e revulsivo para que a expiación de Martín se cumpra e o cambio poida darse.
Santi Cuquejo, como Daniel, e Denis Gómez, como Martín, interpretan dúas masculinidades moi diferentes e saben facelo sen caer nos lugares comúns.
Santi non representa un personaxe gay estereotipado, nin sequera nos números nos que se produce a evocación ou o flashback daqueles xogos infantís, nos que se disfrazaba de princesa, ou cando facía playback dunha cantante pop do momento. Hai nesas escenas unha defensa do personaxe por parte do actor, amosándonolo desde a propia actitude desprexuizada dun cativo. Non obstante, Santi non fai de cativo, achega o personaxe ao rapaz que o propio actor é e xógao desde aí, desde esa verdade.
Pola súa banda, Denis Gómez tampouco recorre aos estereotipos do macho ou do malote, nin ao rol do vitimario. O actor fía fino un personaxe que, como Hamlet, está na corda frouxa, a intentar desprenderse dun peso que o atenaza, desprenderse dunha herdanza que non escolleu. Velaí que, este personaxe, o de Martín, representaría o arquetipo do home encarcerado nunha masculinidade hexemónica que o oprime e da cal está desexando saír e liberarse. O peso da culpa, as dúbidas, a educación servera e dura, amósannos un personaxe no que comezan a moverse cousas.
Tamén gostei moito de percibir dous personaxes que pertencen a algures, desde a singularidade (ese algures é Galiza), desde a actualidade e sen concesión aos tópicos.
No contexto, ademais da fraseoloxía galega, intraducible, e do sotaque que nos traslada a un ecosistema diferenciado, está a envolvencia, case de drama simbolista, do mar, as vides no patio da casa familiar, a galería, e algúns cromatismos lumínicos que alancan cara á imaxe dunha postal galaica. Tamén esa relación fluída coa morte, sen ampulosidade nin maxestade, case como unha extensión da propia vida, que introduce uns certos matices de realismo máxico na escenificación.
Karelu aborda un tema espiñento, o da violencia dos adultos, do pai, contra a infancia e faino con xusteza e equilibrio, sen xustificalo ou condenalo, sen xuízos. Todo o contrario, faino desde a humana comprensión dos erros e das eivas, desde a reflexión, sen darnos solucións nin resolucións.








