Fotografía Xogos Olímpicos de Inverno de Sochi
Datos: 8/02/2014. Fotógrafo: Mike Ehrmann/Getty Images
Nesta fotografía os elementos principais atopámolos nas caras e nas mans das protagonistas. O feito de estar dándose a man e mirándose unha á outra carga de emotividade e sentimento esta foto (ademais son irmás, o que dá máis significado e emotividadade). Estes son os dous puntos fortes que acaparan a atención de quen a ve. As súas miradas teñen moita capacidade de atracción e fan que a persoa que a vexa mire en varias ocasións a dirección das súas miradas, marcándose unha liña imaxinaria entre elas, o que fai que nos deteñamos máis tempo do normal nesta fotografía. Transmítese moito coa súa expresión.
Outro elemento co que se xoga é a simetría. As dúas rapazas levan a mesma vestimenta ao pertencer ao mesmo equipo e parece que se estiveran a mirar nun espello, xa que ademais teñen a mesma cor de pelo e o mesmo peiteado. As cores tamén teñen moita importancia, xa que o fondo é branco e parte da súa roupa tamén, destaca o vermello das súas chaquetas e a liña do fondo.
A profundidade de campo é case inexistente, o que reforza ás rapazas como únicos elementos protagonistas da fotografía.













