THE FRIENDLY FACE OF FASCISM OU PENDENTE DE VOTO? de ROGER BERNAT. Por Camila Phillipps-Treby
O pasado 5 de febreiro, asistimos no festival Escenas do cambio, no Gaiás, a un espectáculo canto menos peculiar.
Un escenario, cuxa escenografía é a disposición dunha asemblea. E os asembleístas? As espectadoras e espectadores fronte a unha gran pantalla negra onde se reflicten os resultados das votacións e as leis consecuentes.
As regras do xogo establécense e o xogo político comeza.
Todo comprende un pseudo experimento social con humor acedo no que o público é como ratas de laboratorio sometidas ó seu propio e inconsciente xuízo, ó seu propio espello, como unha lección política.
Todo parece ir en contra das cidadás e cidadáns, porque son incapaces de estar á altura do sistema. Ou a verdadeira razón: porque o sistema non se interesa por quen vota e todo é un mero simulacro.
“Aunque tu voto no cuenta sigue votando. El sistema te escucha.”
Cada vez que alguén pulsa o mando para respostar escoitamos o son como dun videoxogo, deses de naves espaciais, como se as respostas foran enviadas directamente ó espazo, onde xamais serán escoitadas.
Así a recepción comprende que pode falar, pero iso non garante que sexa realmente escoitada.
“TODO ESTÁ PERMITIDO SALVO QUE LO PROHIBAMOS.”
‘Nin voz nin voto.’ Teñen voto, pero non voz.
Rimos ante os paradoxos que xorden constantemente debido ás nosas votacións. As respostas de SI e NON son manipuladas en leis que terxiversan o desexo do individuo.
O sistema fai as preguntas, para crear as respostas ó individuo.
Os votantes votan en individual, por parellas, ata pasar a conformar parte dun grupo que ten que consensuar os seus votos. Finalmente, sen decatarse, pasamos a formar parte dunha monarquía, pasamos a estar gobernados por calquera deles, porque si. “Un panoli coma min pode subir aquí”, di un dos espectadores asumindo a lección do día.
A ambigüidade dos seus desexos, o seu impacto individual a nivel asembleario, a súa inocencia, a súa falta de dialéctica, falta de responsabilidade, de impacto... todo é evidenciado no xogo.
Todo, todo o que facemos, comprende un acto político que implica unhas consecuencias.
“¿Crees que en el fondo tu no escoges nada sino que todo está decidido antes de que llegaras?”
O sistema operativo divírtese así con eles e crea o caos dende fóra, dende a súa situación privilexiada.
Incluso un fallo técnico imprevisto supón unha evidencia. O sistema bloquéase e o público divírtese xogando, esperando que alguén de arriba o solucione.
Finalmente o sistema pide que o miren e ilumina unha cadeira baleira.
Existe o poder se nin sequera temos o poder sobre as nosas propias decisións?
Existe o poder ou a súa forma de manipulación?
Cando asumiremos a nosa responsabilidade como cidadás e cidadáns?
Podemos asumir esa responsabilidade?
Serve de algo cambiar as regras do xogo se nós seguimos a ser como eramos?
“¿Si te hubieras quedado en casa esta tarde, te hubieras sentido más libre?”
Pendente de voto
Autoría: Roger Bernat
Dramaturxia: Roberto Fratini
Visualización de datos: Mar Canet
Dispositivos e software de datos: Jaume Nualart
Música: "The sinking of the Titanic" de Gavin Bryars, PatchWorks e outros
Deseño sonoro: Juan Cristobal Saavedra
Iluminación: Ana Rovira
Axudante de dirección e dirección técnica: Txalo Toloza
Deseño gráfico escénico: Marie‐Klara González
Efectos especiais: Cube.bz
Colaboradores de programación: Pablo Argüello, David Galligani e Chris Hager
Asesores de contido: Oscar Abril Ascaso e Sonia Andolz
Produción: Helena Febrés Fraylich
Festival Escenas do Cambio. Fundación Cidade da Cultura. 5 de febreiro de 2015.
Camila Phillipps-Treby é alumna da especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia da ESAD DE GALICIA.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)








