A Vari Caramés sentímolo como un amigo mesmo antes telo coñecido, o tipo de amizade que nace primeiro da admiración. Hai un algo nas fotografías de Vari que permite sentirse acollido, algo que acompaña, algo que permite estar para quedarse… gústanos pensar que as fotografías de Vari non son manifestos senón máis ben poemas, ou quizais só versos… espazos pequenos que poden chegar a ser infinitos.
Seguramente foi con Vari cando aprendimos por primeira vez a capacidade que ten a fotografía para falarnos do que non se ve: ver a fotografía pero tamén pensar a fotografía. Quizais por causa desa descuberta, hai xa moitos anos, hoxe exista Fabulatorio.
Despois desa primeira revelación co traballo de Vari, viñeron moitas máis fotografías, viu a fermosa edición de “Nadar” editada por Mestizo —que nos agasallou outro amigo—, viñeron moitas exposicións e viñeron tamén, agora xa si, encontros, conversas e traballos en común.
Dende que botamos a andar Fabulatorio sempre pensamos que, cando fose o momento axeitado, cando Vari quixese, encantaríanos poder deseñar, editar e publicar un libro seu. Ese intre, tan agardado por nós, xa chegou, e o libro titúlase “Lugares”.
Di Vari que “Lugares” é un libro sobre a memoria, un libro de lugares seus pero que tamén poden ser os lugares de moita xente: os lugares da memoria e da melancolía… A nós, ademais, parécenos un libro que celebra a vida e ter vivido.
Así que hoxe é un día feliz para nós porque por fin podemos anunciar que imos publicar a Vari. O libro sairá á venda no mes de Outubro, pero dende xa podes reservar unha copia na web de Fabulatorio cun desconto especial do 20% durante un tempo limitado.
Reserva o teu exemplar aquí