Rematou o 2013, e aínda que so sexa por fixar algunhas cousas na memoria ás que regresar de aquí a un tempo, sempre é bo facer un pequeno balance das cousas que aconteceron ao longo destes últimos meses.
Será un síntoma dos anos, pero é ben certo que o tempo é cada vez máis "tempo", así en minúsculas, en vez do "Tempo" en maiúsculas dos veráns de antes, cando un mes duraba un ano enteiro; agora, no 2013, este último ano de Fabulatorio pareceunos que durou só un mes.
O ano rematou con moi boas novas. A primeira foi que a edición de Ostalgia está xa esgotada, e que aconteceu moito antes do que agardábamos. Se alguén segue interesado en adquirir un exemplar aínda quedan algunhas copias en Dispara, en Dalpine ou en Urban Spree.
Simona Rota - Ostalgia from haveanicebook on Vimeo.
Cando hai un pouco máis dun ano arrancamos Fabulatorio o fixemos en parte coa vontade de comprobar en primeira persoa o funcionamento, ou non, de novos modelos e novas maneiras de facer no mundo do libro —novos aínda que non orixinais, xa que moitos son ben coñecidos—.
Temos para nós que o 'marketing' e privilexiar o libro como obxecto de consumo por riba doutros valores, teñen conducido ao sector editorial a un lugar no que as inercias empurran só a fuxir cara diante. Non é que desprecemos a necesidade de rendibilizar economicamente calquera proxecto editorial amparándose no cada vez máis ambiguo sintagma 'industria cultural'. Todo o contrario. Nós mesmos, con recursos moi limitados, tamén poñemos a andar pequenas accións de promoción. Porén, estamos cada vez máis convencidos de que os ritmos acelerados e a obsolescencia que marca a lóxica do consumo casan mal co tempo que propoñen os libros e co pracer de pararse a non facer nada máis que ler.
En contra desa deriva que impón o mercado cremos que os libros aínda conservan a capacidade de ofrecer resistencia recuperando as ferramentas que lle son propias e que constitúen un valor en si mesmas: contidos, idea editorial, deseño, tipografía, impresión, encadernación, etc., e a partir de aí, e só se algunha vez se acerta en conxunto, poder editar un bo libro.
Outro dos aspectos que queríamos experimentar era a viabilidade das novas oportunidades de distribución de contidos que ofrece a rede. No ideario que escribimos para o lanzamento de Fabulatorio afirmábamos que o modelo convencional de distribución de libros parecíanos inxusto. Aínda que hoxe consideramos que esa frase precisaría dalgunha matización, esencialmente seguimos a pensar o mesmo. As cifras e as contas do mundo editorial son coñecidas en termos xerais. Nun sector cunhas marxes de rendibilidade tan escasas, tanto para editores como principalmente para autores, que entre o 50 e o 60 por cento do valor final do libro radique na súa comercialización parécenos insostible, e máis aínda nun contexto como o galego onde a tirada media de exemplares é tan reducida. Este problema é claro que non é patrimonio exclusivo do sector editorial, e pode ser detectado en case todos os sectores produtivos. O corolario para nós é evidente: dificultade para subsistir das iniciativas de tamaño pequeno ou mediano en competencia cos grandes 'actores' de calquera sector e condicións precarias para o conxunto de creadores/produtores.
siempre se cuestiona todo –remuneraciones, producto, procesos...– menos la distribución. Y eso es lo que no funciona, lo que nos mata
— Alvaro Sobrino (@alvaro_sobrino)
Dende o comezo, máis alá da nosa capacidade ou do interese que puidesen suscitar os nosos libros para entrar no circuíto de distribución convencional, tivemos claro que a única opción viable para nós sería apostar por un modelo híbrido de venda a través da páxina web de Fabulatorio e de colocación directa en librarías seleccionadas (ben en depósito ou mediante pre-venda), sen a mediación dunha distribuidora e, xa que logo, sen repercutir os seus servizos no prezo final de venda dos libros.
E cales son os resultados? Coas edicións de 'A casa do Oscar' de Luis Díaz Díaz e de 'Ostalgia' xa esgotadas —editadas en edición bilingüe galego/inglés e trilingüe galego/inglés/castelán—, ao redor dun 60% dos exemplares das dúas edicións foron vendidas directamente a particulares a través da web de Fabulatorio, e un 50% do total das dúas tiradas foi adquirido por persoas de fóra do estado —principalmente de Europa e dos EEUU—.
Certo é que ano e medio non é tempo abondo como para sacar conclusións definitivas, e moito menos para afirmar se un modelo funciona ou non —máis aínda no mundo dos libros onde xente que sabe moito máis que nós afirma que as editoriais precisan de 3 a 5 anos para comezar a funcionar con axilidade—. O único que quizais nos din os datos anteriores é que, cando menos, paga a pena seguir percorrendo o camiño, e insistir na vontade de editar e publicar novos libros que poidan resultar interesantes (máis información sobre isto ao final).
Un último apuntamento sobre a distribución dos libros: se a rede é o que permite que un proxecto como Fabulatorio exista hoxe e que non fose posible hai 10 anos, o último ano veu tamén a confirmarnos algo que ao comezo non afirmaríamos tan convencidos. Todo o que acontece no ecosistema dixital, nas redes sociais, mediante correos electrónicos, etc., perde parte importante do seu sentido se non ten unha representación na realidade 'física' e de proximidade; e é xusto por ese motivo polo que cremos que as librarías seguen a ser unha das patas clave do taboleiro que sustenta o sector editorial, tanto dende a lóxica da comercialización, pero sobre todo, pola súa capacidade para aglutinar persoas e intereses comúns. O feito de que os nosos libros puidesen ser adquiridos en Formatos, Motto Berlín, Dalpine, Urban Spree, Andel, Libraría Paz, Lila de Lilith ou Dispara, fainos estar moi satisfeitos, ademais de agradecidos polo interese e facilidades que sempre recibimos da súa parte.
O caso de Dispara na Estrada, con Tono Arias ao fronte, merece un comentario e un recoñecemento especial da nosa parte. Máis alá da afinidade persoal que poidamos sentir pola maneira na que Tono dirixe a libraría/galería, cremos que Dispara é un exemplo de moitas cousas boas que merecerían máis atención e difusión: polo feito de estar na Estrada e na periferia dos supostos 'vértices' culturais do país, apoiando lóxicas de descentralización, que aínda que sexa a pequena escala, son claves para acadar o necesario equilibro territorial e a revitalización de pequenas vilas e poboacións; pola continua organización de eventos e actividades que van moito máis alá da venda de libros, como todas as convocatorias dos Photobook Club Galicia ou a exposición LIVRES, na que tivemos a sorte de participar e que consideramos sen dúbida un dos eventos culturais do ano pasado en Galicia; polo modelo de libraría, especializada, cunha selección de libros coidada, elaborada dende o criterio e o interese, e aos que non resulta doado acceder xa non en Galicia, se non en todo o estado fóra das grandes capitais; e por último, polo que ten de aposta persoal, de contracorrente, o cal que resulta certamente inspirador fronte as distopías dos xigantes da distribución de libros, 'drones' mediante.
Simona Rotal talks about OSTALGIA / Fabulatorio (f.02) from desescribir on Vimeo.
Dende o primeiro correo de Simona, Ostalgia foi un regalo para nós: por poder traballar cun material tan intelixente, e por coñecer e poder colaborar directamente con Simona. O mes que estivemos editando o libro man a man foi unha desas raras ocasións nas que o propio proceso xustificaría para nós ter publicado o libro, por todo o aprendido durante eses días e pola súa xenerosidade.
Ostalgia deunos tamén a oportunidade de colaborar coa Kursala de Cádiz con Jesús Micó ao fronte. No mes de maio fomos á Cádiz a entregar os libros e tivemos a ocasión de comprobar o gran traballo que se pode facer cunha boa idea mantida no tempo: non hai máis que botar un ollo aos diferentes 'Cuadernos da Kursala' e comprobar o nivel dos fotógrafos e das editoriais que teñen colaborado con eles —entre elas algunhas das que máis admiramos—. Co tempo, alguén fará un estudo en profundidade sobre a edición de fotolibros no estado, e non dubidamos que a Kursala aparecerá ocupando un lugar moi destacado.
Na viaxe á Cádiz tivemos ademais a ocasión de 'desvirtualizar' e pasar un día xenial con Ángel Doce e Paula Álvarez. A calidade e a ilusión que hai detrás de todos os proxectos editoriais que promove Paula non deixa de admirarnos: Vibok Works, Book-Allow, U n f a c e, etc. Por certo, que este mismo ano, e a través da plataforma Book-Allow, Paula tamén editou un libro con fotografías de Simona que vos recomendamos.
Temos moi presente que moitas das alegrías que nos trouxo Ostalgia, como que fose incluído recentemente na lista da biblioteca do ICP de Nova York entre os 10 mellores fotolibros do ano, ou que fose seleccionado recentemente para formar parte da mostra "Books that are photos, photos that are books" no Museo Reina Sofia, non terían acontecido sen o boísimo traballo de Galicia Editorial na impresión e de Legatoria na encadernación. Sempre que temos a oportunidade insistimos no necesario que é coidar e colaborar coas empresas das industrias gráficas do noso país, máis se cabe nun momento como o actual. Como editores e como deseñadores editoriais arrepentirémonos no futuro se agora non o facemos. Gráficas Brial, ou Litonor, antes de que cesase a súa actividade —un recoñecemento especial para Enrique, Manel, Inés, Elena e todos os seus traballadores— son outras imprentas ás que lle temos que estar agradecidos.
OSTALGIA — Simona Rota / Fabulatorio (f.02) from desescribir on Vimeo.
O 2013 foi tamén o ano no que editamos o primeiro libro dunha colección de poesía que contamos con ir ampliando aos poucos. Aínda é cedo para tirar conclusións, pero polo de agora estamos moi satisfeitos do interese que suscitou e das opinións que nos van chegando.
kleinigkeiten / cousiñas — maría reimóndez. Fabulatorio f.03 from desescribir on Vimeo.
Aínda que dende o comezo tiñamos en mente poder publicar libros de poesía, cando xurdiu a posibilidade real de editar kleinigkeiten/cousiñas de María Reimóndez entrounos unha vaga de inseguridade, sexa porque representaba unha novidade para nós, sexa pola tradición de moi boas editoras de poesía do país, como por exemplo Positivas, con Paco Macías ao fronte, co que tivemos a sorte de compartir presentación de libros en Lila de Lilith.
Colaborar con María, e traballar cos seus textos, foi sen dúbida o mellor antídoto, e temos que estarlle moi agradecidos pola súa confianza e xenerosidade. Escoitala despois recitar algún dos poemas da edición en alemán, na presentación que fixemos n'A Casa da Fariña, foi outro dos regalos que recibimos. A edición en alemán do libro, que tamén deseñamos e que inclúe unhas fermosas ilustracións de María Longa, pódese atopar na páxina web de María Reimóndez.
O balance do ano que xa pasou non remataría ben para nós se non nos lembramos de moitas persoas que nos axudan, nos inspiran e cos que sempre resulta un verdadeiro pracer compartir ideas e amizade: Luis Díaz, co que comezamos este proxecto e co que estamos desexando volver a colaborar, Montse Puig de Ediciones Anómalas, da que aprendemos literalmente o que non está escrito grazas á súa xenerosidade e aos fermosos libros que editan, Pepe Barro, que é referente en moitos sentidos e mestre para nós, Xose Lois Faílde, que sabe moito e que sempre o comparte, e Marcos, Helena, os compañeiros de Hábital Social, Olivia e Javier, David, Felipe, Carolina ou Rebeca.
Neste ano editaremos dous novos libros e máis algún outro que seguro que aparecerá por sorpresa. Ao longo do primeiro trimestre publicaremos o fotolibro 'Unidade Veciñal' con fotografías de Tono Mejuto e documentación orixinal do proxecto do Barrio das Flores de Andrés Fernández-Albalat. Cremos que o libro resultará moi interesante e que ofrecerá unha visión suxestiva e orixinal do Barrio. Estamos desexando poder compartir imaxes do libro que xa está editado e ao que só lle falta cumprir algunhas fases finais do proceso de edición. Hai pensada unha presentación especial do libro no propio Barrio da que xa iremos informando.
E por fin xa podemos anunciar algo que nos fai moita ilusión. Cara o final do ano publicaremos o libro 'Boas Noites' a partir da serie de fotografías do mesmo nome de Jesús Madriñán. Na súa páxina web pódese ver parte da proxecto. Con seguridade vai ser a publicación máis complexa á que tivemos que facerlle fronte ata o de agora e estamos moi felices de poder traballar cun material tan bo e con tantos significados.
Aínda que cuns días de retraso, feliz ano libreiro para todas!