LA VIDA ES SONHO de JOÃO GARCIA MIGUEL. Por Camila Phillipps-Treby
No silencio do rito teatral agardamos para revivir un clásico do teatro A vida é soño e alegrámonos ó subirse o pano de que a proposta que nos espera non se quede atrapada no historicismo.
João Garcia Miguel non se esquece que onde está é nun teatro. Deixa atrás a escenificación plenamente discursiva que acecha ós clásicos e comparte unha proposta escénica diversa e divertida, viva. E menos mal, que para ler xa nos quedabamos na casa.
Un espectáculo de variedades que vai máis cara á comedia que cara á traxicomedia.
Aposta por algo totalmente espectacular que non deixa de lado o poético e o discurso filosófico. E vai dende unha coreografía conxunta de Sweet Dreams de Marilyn Manson ata as íntimas coreografías de Sexismundo, que se retorce co seu violín, pechado na torre. Dende momentos de tensións como a loita entre Sexismundo e o seu pai, sen tocarse, loitando coas súas respiracións e o aire, ata os monólogos de Clarín, adoptando os distintos papeis e parodiando os longos parlamentos dos personaxes.
João Garcia Miguel consegue unha atmosfera onírica coa axuda da música en directo, un dueto melódico que se integra perfectamente coa escena e apoia con instrumentos de todo tipo moi sutís. Unha iluminación que crea distintos focos en escena e todo sucede á vez, coma nos soños. Ademais, a aposta pola interpretación dos personaxes tan visceral, mesturado con bailes conxuntos, cancións... fai que o palco se libere do peso do texto que tanta veneración suscita.
As accións son evocadas, a través das verbas, de movementos do coro, de coreografías, mímica... O escenario énchese, parodoxicamente, de acción, pero de acción teatral-espectacular.
O espectáculo da vida, dun soño. De nós. A través dunha historia.
Dicía João Garcia Miguel no encontro que houbo despois da obra: O personaxe é un fantasma, non existe. É unha relación privada entre a actriz, o actor, e a espectadora, o espectador. Algo que provoca.
Cabe destacar a interpretación de Clarín. Quen lle dá vida ó personaxe é unha estupenda actriz que viaxa entre o clown e unha mestre de cerimonias.
Ela é a encargada de levar a escena, acompáñanos nas transicións entre elipse e elipse e lévanos novamente ó momento drama que desenvolven os outros personaxes, mentres adopta unha postura irónica con nós.
“E que pode tirar homes pola fiestra porque está nun soño.”
Di Clarín e sácanos a todas un sorriso.
Non esquecemos, na butaca, o que a obra representa porque os parlamentos escollidos serven dabondo para recoller a esencia da obra. Mentres soñemos poderemos ser libres.
Engade esta representación un coro de bailaríns, moi novos, pero que non se quedan atrás e están á altura do seu papel. O coro, como servidume esperpéntica, chea de enerxía, tanto venera como parodia. Baila e grita, están contidos e estoupan.
Todo está perfectamente ligado en escena, nun espectáculo que non incide na palabra como centro senón como xogo de enerxías e sensacións.
La vida es sonho lémbranos que as historias se poden contar de forma fragmentaria e máis participativa por parte da recepción. Porque a vida son fragmentos. A vida é un soño.
La vida es sonho
Autor: Pedro Calderón de la Barca
Dirección escénica e dramaturxia: João Garcia Miguel
Codirección e adaptación do texto: Marcos Barbosa
Interpretación: Miguel Borges, Sara Ribeiro, Gil Dioniso, Emílio Gomes e Diana Sá
Música: Lavoisier (Patrícia Relvas & Roberto Afonso), Gil Dionísio, Sara Ribeiro
Performers: Yuuts Ruoy (Ana Ri, Gonçalo Valves, Inês Carincur, Rita Barbita, Tyron Ormsby)
Vídeo: Miguel Lopes, Jorge Quintela
Figurinos: Pavão Pobre
Coreografía: Santosório
Dirección de produción: Raquel Matos
Produción: Cía. João Garcia Miguel e teatro Oficina
Fotografías de Jorge Quintela
CCVF / GRANDE AUDITÓRIO (Centro Cultural Vila Flor) de Guimarães, 31 de xaneiro de 2015.
Camila Phillipps-Treby é alumna da especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia da ESAD DE GALICIA.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)


















