TAUBERBACH de LES BALLETS C DE LA B / ALAIN PLATEL. Por Laura Porto e Camila Phillipps-Treby
O pasado mércores 21 de xaneiro tivemos o pracer de contemplar no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães a peza Tauberbach, da compañía belga Les Ballets C de la B, comandada por Alain Platel.
Esta proposta, que en principio nos remite a unha muller que vive nunha lixeira, evócanos máis ben a paisaxe interna dunha mente caótica e a súa pugna cos fragmentos de si mesma.
Cando a luz se fai, unha paisaxe de farrapos comeza a abrirse ante nós en toda a súa profundidade. Reina o caos visual nese escenario ateigado, pero remítenos a unha imaxe lúdica e calma, pacífica, que se ve perturbada polo persistente zunido de mosca que nos achega o espazo sonoro.
Os performers nunca saen de escena pero perdémolos de vista con frecuencia: desaparecer é tan sinxelo como abaixarse entre os farrapos. Voar, pola contra, é imposible, pero non renuncian, malia iso, a pendurarse dun trust que os proxecte cara arriba. O certo é que nada é imposible nesta proposta, nin a disolución do físico nin a condensación do etéreo. Tódolos elementos da posta en escena están maxistralmente traballados para producir un océano completo de sensacións na espectadora que nunca se esgotan.
En Tauberbach todo se pode tocar, dende a pegada que deixa no ar o movemento até o discurso verbal no que a expresividade sonora está claramente por riba do significado.
Por Laura Porto Crabeiro.
Somos, coma as moscas, insignificantes, zumbantes, desorientadas, neste mundo cheo de lixo.
Podemos elixir ser gobernados, podemos elixir gobernarnos nós mesmos. Podemos elixir. Nós, decidimos como vivir.
Dende as nosas butacas, vemos o panorama dun escenario que parece afundirse baixo unha morea de roupas, de prendas anónimas, gastadas polo tempo ou pola moda. Nese mar de perdición, o conxunto das cores e a luz que as intensifica, transmítenche o lugar idílico para as nenas e os nenos xogar. Mergullarse.
Pero, de súpeto, ese lugar para ser libres, coa baixada da luz, convértese nun lugar inhóspito, nun vertedoiro. As siluetas das teas, deixan ver unha masa inerte. Unha masa inerte que recobra vitalidade co movemento constante dos corpos.
Corpos que latexan co espazo, que establecen unha relación de afecto con el, coma unha crianza co seu xoguete. Un coro de bailarinas e bailaríns, de paxaros. A súa comunicación é o contacto entre eles e o espazo.
Pero non están sos, hai unha muller. Unha muller que non xoga tanto, que coida. Unha muller que vive alí. Uns viven, outros conviven.
Ela comparte con nós a súa xustificación da situación, contrapoñendo a súa felicidade coa súa situación. Enfrontándonos ás nosas convencións. Fálalle unha voz. Quen lle fala? A quen lle fala?
I don’t agree with life. I will not change. I’m perfect. Haven’t you noticed?
Ata que punto es libre? Estás a decidir cando vives unha vida que che foi imposta?
Os corpos parecen estar en paz. Vivindo o seu momento. Cando un xa non soña, cando decidiu vivir a súa condición mortal limítase a respirar o presente.
Mais, se aceptaches, con quen te xustificas? Para quen son esas verbas nas que explicas a túa felicidade? A quen lle berras? Por que berras?
I’m gonna dance. I’m warning you.
Os berros, como os berros dos paxaros no ceo, manipulados. Distorsionándose para crear propostas musicais máis experimentais, que contrastan coa música de Bach; adhírense en perfecta harmonía cos corpos.
Hai berros e entre os berros palabras honestas dunha muller que fala con desgarro. Fálanos, da súa vida, da rutina e do único que non será rutina: a morte.
Cóntanos como, ó final, soamente seremos ósos. E nada máis importará. Porque nada importa.
Os corpos confúndense entre as prendas do lixo, como os cadáveres se confundirán baixo a terra.
E, nun espazo, no que o paso do tempo non parece ter cabida, chega a súa hora e os seus paxaros, seguen alí para ela.
Cría corvos e arrincaranche os ollos. Ou non.
Por Camila Phillipps-Treby Correa.
Laura Porto Crabeiro e Camila Phillipps-Treby Correa son alumnas da especialidade de Dirección escénica e Dramaturxia da ESAD DE GALICIA.
(Coordinación e supervisión de Afonso Becerra de Becerreá)