Ola ola!
Despois dunha chea de tempo sen publicar receitas novas, neste tempo de confinamento pareceunos boa idea deixarvos unha receita sinxeliña e saudable, ideal para os almorzos, as sobremesas ou as merendas na casa.
Os ingredientes necesarios son:
- 320 g. de fariña de espelta integral (16 culleradas)
- 2 ovos medianos/grandes
- 2 laranxas
- 3 culleradas sopeiras de azucre
- 1 iogurt natural
- 75 ml. de aceite de oliva suave
- 100 ml. de leite (aprox.)
- medio sobre de lévedo en pó
- unha cullerada sopeira de esencia de flor de laranxeira
- canela moída ao gusto
Os pasos a seguir para a elaboración deste biscoito son:
1. Nun bol grande mesturamos a fariña, o lévedo e a raiadura das laranxas.
2. No vaso da batedora, mesturamos co accesorio de variñas o aceite co azucre e a esencia de flor de laranxeira.
3. Engadimos ao vaso da batedora o iogurt e os ovos, e volvemos mesturar co accesorio de variñas.
4. Vertemos o contido do vaso no bol e mesturamos coa axuda dunha espátula.
5. Botamos o leite no vaso da batedora para limpar os posibles restos de masa, e imos engadindo ao contido do bol, mesturando ata obter unha textura húmida e cremosa.
6. Engadimos canela ao gusto, mesturando de novo.
7. Forramos un molde metálico con papel para forno, vertemos nel o contido do bol e decoramos con anacos de laranxas por riba.
8. Co forno previamente prequentado ata os 180ºC, forneamos con calor arriba e abaixo, durante uns 25 min. (o tempo pode variar segundo o tipo de forno).
Xa vedes que é doado, así que anímámosvos a aproveitar o confinamento para practicar esta nova receita. Mans á obra! :)