AS SUITES FRANCESAS, AGASALLO QUE VIROU MESTRÍA.
No que, posibelmente, foi o periodo máis prolífico na vida do mestre Bach, e como unha sorte de agasallo de casamento para a súa segunda esposa, Anna Magdalena, agromaron as “Suites francesas” (BWV 812-817). Trátase dun grupo de seis suites de teclado que, xunto ás “Invencións” e “Sinfonías” e “O Clave ben temperado” formaba parte dun programa integral que Bach concebira para a formación dos seus alumnos. Porque as suites para teclado eran daquela un xénero moi popularizado que consistía nunha media ducia de danzas estilizadas, do que se esperaraba aprender o cerne dos bos costumes e o mellor gusto.
Tradicionalmente, o nome das “Suites francesas” corre paralelo ao das “Suites inglesas”, a outra colección de suites composta por Bach con anterioridade. As francesas distínguense das inglesas pola ausencia de preludio; ademáis, tenden a evitar o uso do contrapunto e concéntranse máis nos elementos, digamos que, máis “galantes”.
Anna Magdalena era unha cantante profesional moi nova que tamén se estaba a iniciar na práctica do teclado. Logo da voda, e como proba do seu amor por ela, Johann Sebastian envioulle as cinco primeiras desas suites nun “Clavierbüchlein” ou “caderniño de notas para clave” que encheu de ledicia á cantante e esposa. E por que o nome de “francesas”? Fóra das notas escritas no “Clavierbüchlein” para Anna Magdalena non sobreviviron outras copias desas suites saídas da man do propio Bach. É probable que na orixe serían chamadas, simplemente, de “seis suites para clavicordio”, como se pode deducir pola copia achada dun discípulo do compositor (tal vez Johann Schneider, 1702–88) cun título algo “afrancesado”: “Sex Sviten pur le Clavesin”. No propio obituario de Bach non hai unha distinción clara entre as suites “inglesas” e as “francesas”.
Teremos que esperar pois aos tratados de 1762 de Friedrich Wilhelm Marpurg (moi próximo ao círculo familiar dos Bach) para ler a primeira referencia a esta obra como “Seis suites francesas”. Ademais diso, na súa biografía de Bach de 1802, Forkel explica que esas pezas están “escritas no gusto francés” (a pesar de que o modelo é máis ben o italianizante). Estas dous últimas informacións reforzan a idea de que as pezas puidesen ser chamadas, xa daquela, deste xeito.
O máis destacado destas suites é o xeito en que Bach procura achar o “estilo galante”. Bach concéntrase na melodía do canto e para este fin evita o uso da figuración técnicamente complexa e a textura grosa. Isto obsérvase mesmo nas “Sarabandas”, movementos tradicionalmente homófonos. Como foi indicado, o uso reducido da escrita contrapuntística é tan evidente nos “Allemandes” que, pola ausencia de preludios, asumen un carácter preliminar. Pola súa banda, os "Courantes" aparecen en dous tipos diferentes: lento e deliberado “francés” (nas 1 e 3) e animado “italiano corrente” (nas 2, 4, 5 e 6).
Desde un punto de vista cronolóxico, situadas entre as “Suites inglesas” e as “Seis Partitas”, as “Suites francesas” mostran unha etapa en avance dos propios estilos compositivos de Bach, estilos que todavía haberían de madurar máis. No entanto, pola súa accesibilidade e o seu tamaño compacto, as “Suites francesas” convertéronse para moitos nas suites predilectas para teclado.
Entre as numerosas gravacións e versións existentes destas suites escollemos como mostras, primeiramente, unha interpretación en directo para piano da Suite n°3 BWV 814 por parte de András Schiff, excelente pianista húngaro e especialista no repertorio bachiano:
https://www.youtube.com/watch?v=23vUR7tluMY
E para clave optamos pola gravación da Suite n°1 BWV 812 de Christopher Hogwood:
https://www.youtube.com/watch?v=HcQ7mjdznCE









