Entrevista a Isaac Cordal
Foto: Ian Cox
O pontevedrés Isaac Cordal é un dos nomes máis destacados do panorama internacional da arte urbana actual. Nas súas intervencións na rúa -cargadas de crítica social, humor escuro e patetismo- adoita optar por ubicacións máis ben agochadas, lonxe do rebumbio propio da cidade, para ubicar pequenas esculturas ou conxuntos escultóricos que contrapoñen a súa discreta presencia á grandiosidade habitual dos monumentos urbanos. Ata a data de hoxe, Isaac ten intervido en innumerables cidades arredor do mundo (Berlín, Londres, Bogotá, Bruselas, Zagreb, Viena, Milán, Nueva York, Amsterdam, Nantes, San José, Hanoi...).
http://cementeclipses.com/
Cal foi ese momento da túa vida no que te decataches que isto era ó que lle ías adicar o teu tempo de traballo?
É difícil saber se houbo un momento en concreto no que se toma esa decisión, creo que foi máis unha situación na que unha cousa vai levando á outra, digamos que dun proxecto a outro. Creo que a paixón e o esforzo axudan neste sentido. A miña nai traballaba a cerámica e a relación coa escultura vén por aí. Adoitaba axudarlle a engobar as pezas, a lixar etc. Sempre me gustou debuxar. Seguramente na incerteza sobre a que dedicarme profesionalmente o mundo da creación se converteu nunha especie de bálsamo e aos poucos todo o relacionado con ela comezou a ocupar máis e máis tempo.
A túa obra achega ao espectador á reflexión sobre temas importantísimos como a crise dos refuxiados ou o cambio climático pero, tendo en conta como está o tema da liberdade de expresión neste país e cómo afecta aos artistas, cómo decides que ideas son viables ou non á hora de comezar un proxecto? Algunha vez descartaches unha idea por medo ás consecuencias?
Algúns estamentos de poder aínda teñen actos reflexos da ditadura. É inadmisible. Eu nunca descartei ningunha idea por temor a que sexa censurada. Nese sentido a escultura pode ser máis ambigua que a música aínda que tamén houbo casos de censura recentes, como a obra de Ines Doujak no MACBA. Como elixo as ideas é parte dun proceso sen método. Quizais estou traballando en algo que creo interesante e resulta que niso se esconde outra idea mellor. Creo que a inspiración é unha suma de partes inconexas que case sempre me invade traballando.
Not dressed for conquering, a obra censurada de Inés Doujak no MACBA
Que artistas che influenciaron ó largo da túa carreira artística? Que che levou a enfocar as túas obras en críticas sociales? Tendo en conta os lugares onde expós as obras, chegaron a sufrir algún dano ou accidente?
As miñas influencias poden vir de artistas que admiro como Anthony Gormley, Maurizio Cattelan, Erwin Wurm, Ron Mueck, Juan Muñoz, Berto Fojo ... entre outros. No meu traballo reflexiono sobre os efectos colaterais da nosa idea de progreso. Non é que queira encasillarme en tratar temas sociais pero a verdade é que vivimos unha época convulsa e interésame usar a creación como unha forma de combate para intentar comprender o mundo que creamos. A verdade que si que tiven problemas coas esculturas no espazo público, por exemplo algunhas delas foron roubadas. É algo que me molesta moito porque creo que o traballo no espazo público en xeral é para todo o barrio, non para que alguén o leve a casa. A miña intención é que perduren no tempo o máis posible, pero ao facer cousas na rua xa sabes que todo pode pasar, é parte do xogo, é incontrolable. Hai cidades que respetan máis todo o que xorde das súas rúas converténdoo en parte da súa propia identidade.
De arriba a abaixo: Ron Mueck no seu taller / Instalación de Juan Muñoz / Him, de Maurizio Cattelan
Unha das miñas grandes preocupacións, como a de moitos futuros deseñadores e artistas é o estancamento ou dificultade á hora de atopar novas fontes de inspiración. Gustaríame preguntarche, como experimentado coñecedor desta realidade, como cambia a percepción do espazo urbano "ignorado" a pequena escala que acompaña as túas obras e ata que punto consideras que pode servir como recurso inspiracional?
Para mín a inspiración ten moito que ver co cotián, tanto co que ocorre ao virar a esquina como en lugares remotos. Creo que o bombardeo de acontecementos é unha fonte. A inspiración creo que ten que ver cunha forma de pensar o mundo e quizais esta sobrevalorada esa idea dun momento tocado por unha variña máxica. Máis que nada esa reducción de escala xurdiu por unha cuestión logística. A escultura sempre xoga co espazo e no meu caso pois simplemente pérdese nel ata o punto de desaparecer. O espazo ten un papel esencial xa que é o que dá sentido ás esculturas. A mesma escultura, dependendo do espazo e a súa ubicación, pode cambiar o seu significado. Adoito elixir espazos que son unha especie de zoom, un macro universo, generalmente cunha certa dose de decadencia como un reflexo da sociedade.
Como produces as túas pezas? Que materiais empregas tanto na peza coma no molde e que ferramentas utilizas?
Xeralmente modelo as pezas en barro, arxila polimérica ou plastilina. Despois fágolles un molde de silicona e fago a colada en distintos materiais, dende cemento a resina de poliuretano. Utilizo ferramentas como unha Dremmel para tallar e repasar as esculturas. Distintos utensilios para modelar, pero non necesito demasiadas cousas para producir o traballo. Algunhas máquinas de corte para madeira, etc.
Á vista está que a túa obra require moita man de obra, e iso é algo que sempre se ten en conta á hora de poñer un prezo pero, ademáis diso, que máis factores tes en conta para establecer o prezo das túas pezas?
No tema do prezo entran moitos factores, o mundo da Arte, máis ben, o mercado da Arte, é complexo. Depende da traxectoria, das galería, da demanda...
A maioría das túas obras teñen o mesmo personaxe. En que te inspiraches e por que te decidiches por el?
Nesta sociedade onde o sistema do patriarcado domina e manéxao todo, pareceume importante que o proxecto fose representado polo home. Escollo un estereotipo social; unha representación de homes de negocios de mediana idade como metáfora para reflexionar sobre a decadencia, o patriarcado e o poder. Para min é unha especie de Bartleby, o personaxe de Herman Melville no seu libro Bartleby, o escribinte. É unha especie de Adán envellecido e perdido nun paraíso grisáceo, onde xa non crecen mazás, unha especie de David, aquel atleta de mármore vido a menos, os homes grises sen tempo de Momo... Non sei, hai moitas referencias.
De arriba a abaixo: Ilustración de Javier Zabala para Bartleby, el escribiente de Herman Melville / Ilustración de Marcel Dzama para Momo de Michael Ende / O personaxe recurrente de Isaac Cordal
O teu traballo é alucinante. No proxecto de Cement Eclipses hai figuras con máscaras portectoras que fácilmente poderían representar a situación na que estamos agora mesmo. Que situacións concretas denunciabas entón con esas pezas?
Estes días estoume dando conta que o meu traballo ten bastante que ver coa pandemia. Hai algunhas das situacións que recordan aos momentos que vivimos. Eu utilicei a máscara e vestimenta industrial en varios traballos, para reflexionar sobre temas como a contaminación, cambio climático, sobre a educación industrial, liberdade de expresión, etc.
Descubrín e pareceume moi interesante a localización dunha das esculturas que fixeches para o Rexenerafest (Carballo, 2017). A peza está nun muro de ladrillo visto e rodeado doutros muros pintados por outros artistas. Cómo chega a afectar o lugar onde se coloca cada escultura á interpretación desta polos espectadores?
Nesa instalación en concreto buscaba un muro similar a ese, de cemento, gris, cun aspecto industrial. Creo que a peza funciona mellor nese muro que nun pintado dunha cor e impoluto. Nese sentido o espazo elixido dálle un aspecto máis dramático á obra e intégrase mellor. A miña idea era non pintar os balcóns e que o óxido se xuntara cos propios ferros retortos do muro. É unha peza que fala sobre o illamento.
Instalación no Rexenerafest de Carballo
Para arrincar a nivel profesional, ves necesario salir de España?
Eu penso que viaxar ou vivir noutro país pode axudar a ter unha percepción distinta da vida tanto a nivel profesional como persoal.
As esculturas permanecen sempre onde as situaches? Están pensadas para ser algo efémero ou algo perpetuo?
Algunhas das intervencións son efémeras xa que a finalidade é sacar fotografías e falar dun tema en concreto. Outras das intervencións intentan ter un caracter máis permanente, para iso pego as esculturas en lugares altos, a uns 4 metros, en cables, cornisas, caixas de electricidade... Polo seu tamaño as esculturas adoitan pasar inadvertidas aínda que moitas veces desaparecen como dicía antes.
Sempre traballas con moldes? Non é moi complicado ser tan detallista nas figuras con este proceso? Poderías explicar o procedemento que segues para crear figuras tan complexas e con tanto detalle?
Traballo con moldes xa que a miña intención era realizar instalacións nas que teño que producir numerosas esculturas. Por exemplo, para Follow the leaders producín 2000 esculturas. Sen moldes sería inviable facelo. Os moldes de silicona danche un nivel de detalle moi bo pero tamén comezan a deteriorarse facilmente. Nese sentido é necesario repasar as pezas a medida que vas facendo copias. Como dicía antes, xeralmente modelo as pezas en barro, arxila polimérica ou plastilina. Despois fágolles un molde de silicona e fago a colada en distintos materiais, dende cemento a resina de poliuretano.
Follow the leader
Sentícheste algunha vez infravalorado artísticamente, dándoo todo pola túa parte pero parecendo que non era suficiente?
Si, claro, eu colecciono moitas repostas negativas, pero que tamén me serviron para continuar. Eu creo que temos que persistir. Nese sentido temos que coidar a saúde da nosa paixón, que siga intacta malia as dificultades.
Moitísimas grazas por compartir todo isto connosco, Isaac!!









