Eu non lembro que na miña casa se fixeran as chulas de calacú. Pero como a Óscar lle gustan moito, e que di a súa nai que este é ano de calacús, onte fixen unhas chulas para a cea. Son moi fáciles de preparar:
Cócese medio quilo de calacú (limpo e sen sementes) cunha area de sal. Despois, esmágase, e mistúrase con catro ovos, 125 gs de fariña. azucre a gusto, e pasas de Corinto. Aínda que na receita que eu vin (aparece con outro nome no libro de Amigos da Cociña Galega, e é de Casa Simón de Cangas) di que se friten en aceite de oliva, eu limiteime a facelas nunha tixola untadas en aceite, para que non se peguen. Unha vez listas, boteilles por arriba un azucar moreno moído con canela.
Aínda que tamén se poden comer frías, eu penso que están moito mellores quentes ou mornas (sobre todo, se é un día de choiva como o de onte).












