Hoxe traemos unha desas receitas que tanto nos gustan na Casa das receitas, con ingredientes moi variados, saudables e deliciosos. Pensamos en crear unha nova versión da pasta boloñesa, con carnes pouco graxas, máis vexetais e con tallaríns verdes en lugar de spaguetti branco.
Trátase dunha receita cun gran número de ingredientes naturais, pero de elaboración moi doada e sinxela.
Imos entón cos ingredientes que usamos:
Uns 200 g. de tallaríns verdes (podedes atopalos en hipermercados)
Uns 180 g. de cinta de lombo de porco picada (falo diso aquí)
Media coliflor
Media cabaciña (calabacín)
Un tercio de cabaza butternut (info aquí)
Media berenxena
Dúas cenorias
Tres ou catro cogomelos frescos
Dous tomates maduriños
Medio allo porro
Media ducia de espárragos verdes
Media cebola
Dous dentes de allo
Uns 150 ml de salsa de tomate fritido
Viño branco
Aceite de oliva virxe
Alfábega
Cúrcuma
Sal fino
E agora toca contar como foi a preparación do prato:
1. Comezamos por lavar a coliflor, cortala en cachos e botala en auga fervendo con sal.
2. Continuamos pelando e cortando en anaquiños a cebola, que poremos a refogar con aceite de oliva, a lume frouxo, nunha tixola grande.
3. Engadimos á tixola os espárragos e o allo porro, lavados e cortados en toros, e as cenorias, peladas e cortadas en anaquiños.
4. Lavamos e cortamos en anaquiños a berenxena, a cabaciña e a cabaza. Engadímolos á tixola cando a cebola comece a tornar tranparente, primeiro a berenxena e logo o resto. Engadimos tamén o allo pelado e cortado en lascas.
5. Por outra banda, cando a coliflor leve cocendo uns 8-10 min e comece a abrandar (non esperar a que abrande de todo), engadimos os tallaríns á ola.
6. Na tixola, sazonamos as hortalizas ao gusto e regamos cun chorriño de viño. Se é necesario podemos engadir outro chisco de viño cando este se evapore.
7. Cando a berenxena vaia abrandando, engadimos á tixola os tomates cortados en dados e os cogomelos cortados en anaquiños. Tamén engadimos outro chorriño de viño.
8. En canto os cogomelos abranden, engadimos á tixola a salsa de tomate, unha grena de cúrcuma e ourego ao gusto. Agardamos a que a salsa queza e retiramos do lume.
9. Cando os tallaríns estean al dente, escorremos a auga da ola.
10. Servimos os tallaríns e a coliflor coa zarapallada de verduras e carne.
Hoxe traiovos un prato moi sinxelo e que está de vicio! Un arroz con pisto de verduras e polo, caldosiño, ideal para mollar pan ;)
Os ingredientes son os seguintes:
Arroz redondo (2-3 cuncas)
Unha peituga de polo
Un pemento vermello
Media cabaciña (calabacín)
Media berenxena madura
Tres ou catro tomates maduriños
Unha cebola grande
Salsa de tomate fritido (75-100 ml.)
Pementa moída
Cúrcuma moída (opcional)
Pirixel moído (opcional)
Unha folla de loureiro (opcional)
Leite (normal ou evaporada)
Aceite de oliva
Sal
E a elaboración debe ser como segue:
1. Poñemos ao lume unha cazola ou tixola, co fondo cuberto de aceite. Cando o aceite queza, botamos nel as verduras, cortadas en anaquiños, e deixamos refogar a lume medio-frouxo, removendo de cando en vez.
2. Cando as hortalizan comecen a abrandar, engadimos o polo, cortado en anaquiños e adobado co sal, o pirixel e a pementa.
3. Por outra banda, poñemos a cocer o arroz, con 2′5 cuncas de auga por cada unha de arroz, e sal ao gusto.
4. Cando as verduriñas abranden por completo, baixamos o lume ao mínimo posible, engadimos a folla de loureiro, un chisco de cúrcuma e un chorriño de leite.
5. Deixamos que as verduras se vaian desfacendo, con coidado de que non se queimen. Se a tixola se queda sen líquido, engadimos un chorriño de leite, as veces que sexa necesario.
6. Cando o arroz abrande e se quede sen auga, retirámolo do lume e reservamos.
7. Cando as verduras vaian case desfeitas por completo, de modo que creen unha salsa espesa con tropezóns, retiramos a folla de loureiro e engadimos uns 75 ou 100 ml. de salsa de tomate fritido, que pode ser caseira ou mercada.
8. Esperamos que a salsa de tomate queza e se espese un pouco e logo botamos todo o contido da cazola sobre o arroz, mesturando.
Hoxe imos preparar un prato sinxelo, lixeiro, delicioso e saudable, ideal tanto como entrante como para cear.
Os ingredientes que necesitaremos son:
Unha berenxena
Unha cabaciña (calabacín) pequena
Media ducia de cogomelos
Uns 150 g. de xamón cocido
Uns 200 g. de queixo graxo relado
Uns 100 ml. de salsa de toma frito
Aceite de oliva
Alfábega
Sal fina
E o proceso de elaboración que seguiremos é o seguinte:
1. Lavaremos e cortaremos en lascas finas a cabaciña e a berenxena e en anacos os cogomelos.
2. Cubriremos, cunha cullerada de aceite, o fondo dunha fonte apta para forno.
3. Colocaremos na fonte unha serie de lascas de berenxena, de forma que queden un pouco superpostas unhas sobre as outras, formando ringleiras.
4. Botaremos un chisco de sal e alfábega ao gusto por riba de cada ringleira de berenxena.
5. Sobre a berenxena, iremos colocando lascas de cabaciña, tamén superpostas.
6. Botaremos un chorriño de salsa de tomate por riba de cada ringleira de berenxena e cabaciña, e sobre a salsa poñeremos un pouco de queixo relado.
7. Engadiremos outra capa de berenxena, sazonada con sal, e outra de cabaciña (desta vez sen superpoñer), con salsa de tomate por riba.
8. Sobre a cabaciña con tomate iremos colocando xamón cocido (cortando cada loncha de xamón lonxitudinalmente en tres, formando con cada anaco un cadrado do tamaño das lascas de cabaciña).
9. Enriba do xamón, poñeremos un pouco máis de cabaciña (media lasca sobre cada cadrado de xamón) e un chisco de tomate para decorar.
10. Se queda espazo entre as ringleiras, tamén botaremos salsa de tomate.
11. Cubriremos todo cos anaquiños de cogomelo e o queixo relado, antes de meter a fonte no forno onde cociñaremos durante uns 15-20 minutos, a 200ºC con calor por arriba e por abaixo (grill). E ao rematar ese tempo, a comer!
E se sobra (cousa improbable jaja) non vos preocupedes, porque sabe igual de ben, ou incluso mellor, ao dia seguinte, quentándoo no forno ou no microondas.
Hoxe traemos un patro moi esperado: nachos caseiros feitos con fariña integral, unha receita super sinxela. Seguro que unha vez que provedes a facela, repetiredes moitas máis.
Os ingredientes que necesitamos son moi pouquiños:
Uns 300 g. de fariña integral de espelta (15 culleradas rasas)
Dúas culleradas de aceite de xirasol
Medio vaso de auga
Sal
E a elaboración é super fácil e rápida:
1. Botamos nun bol a fariña e un chisquiño de sal. Mesturamos.
2. Engadimos o aceite de xirasol e volvemos mesturar.
3. Imos engadindo a auga a pouquiños e amasando. Se a masa queda moi seca, engadimos un pouco máis de auga, e se se nos pega ás mans engadimos un pouco máis de fariña.
4. Deixamos repousar dez ou quince minutiños.
5. Separamos en dúas ou tres bólas. Estiramos cada unha delas coa xuda dun rolete, ata que a masa quede ben estendida e finiña, pero non demasiado.
6. Cortamos en triángulos, colocámolos sobre papel de forno e introducimos no forno a 200ºC, con calor por arriba e por abaixo, durante uns 5-10 minutos, segundo o tipo de forno. Deben quedar torradiños, pero sen chegar a dourarse.
7. Servímolos, unha vez arrefríen, acompañados das salsas que máis vos gusten. Como vedes na foto, eu fixen unha salsa de queixo e outra pico de galo (de verduras picadiñas), pero podedes facer infinidade delas: guacamole, ali-oli, salsa rosa, mostaza, salsa de cenorias...
(*) Como facer as salsas:
1. A de verduriñas: Picamos media cebola, un dente de allo, un tomate maduro e un cuarto de pemento vermello. Refogamos todo ata que o tomate abrande. Condimentamos con sal e cúrcuma. Servimos quentiña.
2. A de queixo: Nunha tixola, poñemos unha culleriña de aceite de oliva, poñemos ao lume e engadimos dúas culleradas de queixo relado (o que máis vos guste). Cando o queixo se funda, engadimos leite e mesturamos. Removemos continuamente e imos engadindo máis queixo ou leite, ata obter a consistencia que queiramos. Servimos inmediatamente.
Ensalada de canónigos, millo doce, queixo tipo feta #vegano, noces e ourego para xantar. #vegano #vegana https://www.instagram.com/p/ByaIpmcC2HW6vWM60HhH6JDTqSoecGiB0LMDRo0/?igshid=sufwzjno7izn